Supermestres con superpoderes?
Sempre me dicía unha amiga mestra que temos o mal costume de medicar os efectos das dores sen coñecer a orixe real das mesmas. Cando me encargaron este artigo pensei nela e por iso tomei a decisión de profundar para coñecer os motivos polos que o corpo docente está hoxe tan sobrecargado de realidades.
Sabemos da importancia da educación emocional, da atención á diversidade, do feminismo, da vertente ecosocial da educación; tamén dos contidos curriculares máis clásicos; sabemos da necesidade de elaborar Proxectos Educativos que lles dean resposta; e, sobre todo, estamos sempre coa mirada posta nas crianzas e as súas necesidades, pero: é posible que atendamos tantos frontes á vez?
Actualmente, ademais da docencia, practicamos a diario a psicoloxía, a xestión administrativa, a xustiza, a economía, a medicina, a política…Unha tolemia de realidades que a miúdo nos sobrepasan, presa das présas, coma se tivésemos a obriga de ser superprofes con superpoderes, pero por que? Por que temos a sensación de que se nos está a pedir cada vez máis?
Os cambios sociais das últimas décadas están provocando que as estruturas educadoras tradicionais como a familia ou a propia escola non sexan quen de atender todas as novas realidades ás que fan fronte as xeracións máis novas: desde as redes sociais e o escapismo virtual ata a saúde mental.
Fáltannos tempos, espazos, coñecementos; e, mentres tanto, a administración limítase a actuar como unha mera transmisora destas novas esixencias. Pídenos adaptabilidade á evolución da sociedade, pero sen ningún apoio a cambio. Nada, agás máis trabas, porque a maioría das súas accións procuran un empobrecemento da pedagoxía e a didáctica en favor da burocracia.
Nun momento chave para o presente e futuro do sector educativo, moitos mestres vémonos obrigados a quitarlle tempo ao noso alumnado para pasar horas e horas diante dun ordenador, convertidos en expertos en xestión administrativa.O mesmo ocorre no plano formativo, onde asistimos a formatos arcaicos, moitos sen base pedagóxica, que, lonxe de habilitarnos para as novas realidades que temos diante dos fuciños, fannos perder un tempo moi valioso.
Así e no canto de mellorar as condicións nas que se desenvolve o noso traballo, o propio sistema está a empeorar o problema e a aumentar a nosa carga de traballo e responsabilidades, cada vez con menos recursos. E os docentes? Os docentes facemos o que podemos: facemos moito máis do que podemos e moito menos do que debemos.
A semente dunha árbore ben enraizada
Non é doado aportar unha solución a este problema. Sabedores de que a sociedade non muda dun día para outro, sabedores de que a administración rexeita os cambios de impacto por medos endémicos no seo das súas estruturas politizadas, sabedores de que o noso corpo docente está narcotizado por exceso de tratamentos que non curan a orixe do problema, o que se me ocorre é:
1.- Familias. Faise necesario recuperar a familia como institución educadora. É aí a escola ten un papel chave xa que pode ser a canle a partir da cal sexan coñecedoras desta diversidade de realidades que nos afectan e que, a día de hoxe, non teñen a oportunidade de atender como se debera.
2.- Administración. Vexo protestas da sanidade, da xustiza, dos servizos sociais… E boto de menos que o noso enfermo corpo remuxique e comece a alzar a voz esixindo melloras nas nosas condicións. A sociedade ten que coñecer unha realidade que vai en contra do benestar dos seus fillos e fillas.
3.- Escolas en rede. E nós, para nós propoño que non espereremos ata que o problema sexa endémico, que nos adiantemos a administración e busquemos o cambio para marcar o camiño. Como? A través das coñecidas como escolas en rede, un soño co que quero rematar este artigo, pero un soño que é posible como demostran os exitosos casos da educación vasca e catalá, onde pequenas escolas sumaron as súas forzas para dar respostas ás verdadeiras necesidades da infancia e a adolescencia e que agora son apoiadas pola administración.
Se as institucións non toman a dianteira, fagámolo nós, saquemos partido da nosa suposta autonomía pedagóxica para crear estruturas máis cómodas, onde poidamos adicarnos ao que somos, porque que de seguro terán un impacto da propia estrutura educativa para volvela máis flexible e aberta, con :
- Proxectos educativos globais, adaptados aos novos tempos, metodolóxicamente máis activos, que sexan capaces de integrar as realidades eco-sociais no día a día do alumnado. Centrados na formación integral da persoa e onde se aprenda facendo.
- Comunidades educativas abertas e participativas. Abramos estes proxectos á comunidade para colaborar xuntos na formación integral. A educación formal, familiar e informal deben ir da man nunha EDUCACIÓN 360º.
Desta o cambio non se esixirá dende a sociedade á escola. Será a escola quen esixa o cambio á sociedade. Primeiro á máis próxima para contaxiar cada vez espazos máis amplos ata converter a semente nunha fermosa árbore ben enraizada.
*Javi García é pedagogo e mestre no CEIP Torre Illa. Tamén exerceu como director no CEIP de Viñagrande Deiro.
Fuente: Faro de Vigo