‘Atelieristas’ da educación para imaxinar outra escola
Estaban a piques de pasar á historia, pero aínda non o sabían o 1 de abril de 1919, cando por primeira vez cruzaron as portas da escola do arquitecto Walter Gropius en Weimar. Caducada toda certeza do pasado tras a I Guerra Mundial, a Bauhaus aspiraba a cambiar o mundo e logrou debuxar un novo.
“É un exemplo que nos gusta moito, pero hai moitos máis. A arte é pensamento crítico. Ensínanos a ver as cousas desde outra perspectiva para plantar cara aos discursos únicos. E esa é a mesma función que debería cumprir a escola: xerar espazos nos que a infancia poida crear, construír e pensar o mundo de forma autónoma”.
Se arte e escola comparten obxectivos, non deberían facer o propio coas metodoloxías? Con ampla formación en Belas Artes, os artistas Vicente Blanco e Salvador Cidrás non puideron evitar facerse esta pregunta cando chegaron á Facultade de Formación de Profesorado de Lugo (USC), onde exercen como profesores.
Así foi como xurdiu Escola Imaxinada, unha ponte entre os dous mundos que sae do ámbito universitario para traballar man a man coas escolas galegas e ofrecer aos docentes experiencias didácticas, metodoloxías creativas e espazos que permitan aprender “facendo” a través da experiencia e do xogo; que ensinen, en definitiva, aos nosos nenos “a pensar o mundo dun xeito propio para ser quen de melloralo”.
Deste xeito e coma se dos atelieristas que chegaron nos anos 70 ás escolas de Reggio Emilia se tratasen, este colectivo sen ánimo de lucro está composto por artistas, arquitectos e mestras, entre outros, dispostos a levar os procesos da arte aos centros educativos.
Así o explican Blanco e Cidrás, que sorrín con tenrura ao citar a Loris Malaguzzi, fundador das escolas italianas: “A maior labor dun atelierista é fastidiar, con respecto e recoñecemento, cada día aos educadores”. “E por ese fastidiar referíase a animarlles a saír do corsé do curriculum, a conectar o traballo na aula coa vida e coa infancia, a animarlles a apostar por unha escola con alma, que é coidadora e que ensina a coidar, que respecta a experiencia dos propios nenos”.
Fonte: Faro de Vigo