“O sistema educativo ten que prepararnos para a vida: Motivar é dar motivos”
O caso das xemelgas de Sallent volve pór os problemas de saúde mental na infancia e na adolescencia sobre a palestra, un tema que leva xa tempo preocupando a profesionais como o psiquiatra Alexandre García Caballero, que periodicamente colabora con Faro Educa cunha sección de análise neste eido e que precisamente hoxe estará presente coma Coordinador de Programas de Prevención e Promoción da Saúde Mental do SERGAS no Congreso de Convivencia e Benestar Emocional en Santiago, ao que se prevé que asista máis dun millar de docentes.
A preocupación entre o sector educativo vai en aumento. Debemos alarmarnos?
No 2021 houbo en Galicia 9 casos de suicidio entre menores de 20 anos, o que supón un aumento con respecto a anos anteriores, nos que o habitual eran entre dous e cinco. Ademais de nas cifras, tamén vemos un cambio de tendencia, con máis mulleres que varóns. Pola súa banda, os intentos se suicidio que chegaron a Urxencias triplicáronse no 2021. Non sei se alarmante é a palabra, o que está claro é que hai que tomalo en serio e buscar unha resposta colectiva.
Di “Colectiva”. A miúdo insiste en que non son problemas individuais…
Estamos ante un cambio social que abrangue os marcos sobre o que se constrúe a identidade das persoas, que inflúe en todas as etapas da vida e en particular nas etapas da construción subxectiva que teñen lugar na adolescencia — o loito polo corpo infantil, o desprendemento dos dos pais, a identificación co grupo de pares, a construción da identidade, a sexualidade xenital e, por último, a construción dun primeiro proxecto persoal— e que nos atravesa a todos.
“As consultas están cheas de pais/ nais que repiten: “Pero se llo demos todo…”. Hai que dar só o que precisan e para iso hai que escoitar”
Por suposto eses procesos que teñen lugar entre os 11 e os 18 anos son influenciados de xeito moi determinante polo contexto no que se desenvolva cada unha das adolescencias: non é o mesmo vivir todo isto nun entorno acomodado, que nun en risco de exclusión. Factores como a pobreza, a discriminación por motivos de orixe, identidade sexual ou orientación de xénero son cruciais, entre outros.
¿Relacionámonos dun xeito distinto con respecto hai 30 anos?
Na infancia xogamos con xoguetes. Na adolescencia, coas identidades. A puberdade é o momento de construír unha identidade propia. Ata o de agora, usabamos como espello aos demais pares, estes devolvían unha imaxe de nós que podíamos negociar, modificar, adaptar; tiñamos o límite da realidade. As redes sociais, en cambio, son un espello que, por comparación con estándares irreais, devolve aos rapaces unha imaxe desempoderada e iso lévaos a adoptar posturas mais extremas para destacar.
Como podemos entendelos?
Non é complexo, simplemente queren que os queiran, pero nas redes conseguir os likes ten unhas regras distintas de na realidade. Xeran atomización, o que se chaman cámaras ecoicas, onde cada un pode atopar un microgrupo co que comparte cousas, mesmo cousas que non axudan nada como a ideación suicida, as autolesións, as condutas anoréxicas, que serven de solución parcial (dan conchego, atopo xente coa que me identifico), pero ao prezo de soster identificacións non saudables, en lugar de aprender a frustrarme.
Temos que aceptar que non pasa nada por non ser o máis guapo/a, o máis alto/a ou o /a que peor se porta?
O cómic de Liv Stronquist ‘A sala dos espellos’ conta moi ben coma antes do cine, non tiñamos apenas referencias estéticas, como moito as imaxes relixiosas e algunha revista… había outras virtudes. Hoxe o espello devólvenos a persoas altísimas, guapísimas, riquísimas, a identidade actual se constrúe a partir da imaxe en gran medida, e por medio do poder económico, de tal xeito que todos nos parecemos pouca cousa a nós mesmos e temos que construír un personaxe. Por definición, o éxito entendido deste xeito exclúe, non todo o mundo pode obtelo. Como vemos isto non é un problema de saúde mental, senón un problema social que afecta á construción da identidade e arrandea aos adolescentes. Especialmente cando os vencellos primarios e a autoestima son febles.
Que podemos facer desde os colexios?
Todos estes problemas que estou a bosquexar na entrevista de xeito teórico falan de dificultades reais que os rapaces teñen que afrontar no seu día a día: separación de parella, ou parellas tóxicas, rexeitamento dos outros, conflitos nas casas… A boa nova é que, tendo a capacidade de ler que está a pasar, podemos traballar nos centros educativos facendo exercicios prácticos con dilemas ou actividades de Role Playing.
O sistema educativo non só nos ten que preparar para o mundo laboral, senón tamén para a vida. E motivar, non hai que esquecelo, é dar motivos. Neste senso, tanto desde a Consellería de Sanidade como desde a de Educación estase a traballar para implantar o Plan de Prevención de Suicidio na Adolescencia YAM (Youth Aware of Mental Health), creado orixinalmente no Instituto Karolinska e o programa de prevención universal máis avalado a nivel internacional por organizacións como a OMS ou Save the children.
Cal é o obxectivo do programa YAM e cando estará en marcha
Falamos dunha metodoloxía que nos axuda a traballar de xeito práctico a saúde mental nas aulas. Reduce os intentos de suicidio e as ideacións suicidas graves á metade, un 30% a clínica depresiva e aumenta a petición de axuda. A finais de maio, ven a Galicia un equipo de Suecia para formar ao primeiro grupo de Entrenadores YAM, xa estamos traducindo e revisando os materiais un equipo conxunto educación-sanidade, e a idea é ir formando progresivamente equipos mixtos de orientadores e profesionais sanitarios ata chegar aos 20.000 nenos dun curso da ESO en 2026. O próximo curso faremos un ensaio clínico con 2000 rapaces en YAM e 2000 en control.
Para os centros, e tamén para as familias, cales son os factores de risco que deben terse en conta?
Hai tres eixos fundamentais de cara a aumentar o risco suicida: 1) que haxa dor psicolóxica (pode estar causada por moitos motivos: rexeitamento, fracaso, acoso, esixencia excesiva); 2) falta de pertenza ao grupo (nenos e nenas sen amigos ou relacións negativas, nas que haxa acoso — esas cousas hai que vixialas especialmente—); e 3) A capacidade adquirida (falamos de autolesións, intentos ou consultas a internet sobre estes temas). Para vixiar todo isto, non hai outra, ten que haber un control dos móbiles: igual que non deixarías a un neno saír só as dúas da mañá, hai que pórlles límites do teléfono — porque están dentro da casa, pero están fora—. Os límites non son paos nas rodas, ao contrario: facultan o crecer.
¿Unha mensaxe para as familias dos adolescentes de hoxe?
É imposible dar fórmulas, por iso hai que dar criterios. Pero xa que é unha esixencia do guión: Ante cada dilema que nos plantexe a crianza, debemos preguntármonos: “Como podo axudalo/a a crecer?”. As consultas están cheas de pais/ nais que repiten: “Pero se llo demos todo…”. Hai que dar solo o que necesitan e para iso hai que escoitar, decodificar a necesidade oculta detrás da demanda e ocupar o lugar do adulto, poñer límites.