A educación aprende dos CRA galegos
“Quero volver ser nena só para poder ir ao voso cole!”. 19 alumnos en Campaña; dez en Chenlo, nove en Ferreirós, 17 en Forno, 16 en Vilarello e 15 en Xanza. En cada aldea hai unha escola, pero todas forman parte dun só centro educativo: O Colexio Rural Agrupado (CRA) de Valga, que comparte equipo directivo, docentes especialistas e recursos como a biblioteca.
“En lugar de estares nun único edificio, as aulas distribúense por parroquias para estar máis cerca dos nenos. É menos común, pero representa moi ben a realidade de Galicia”, resume o director do centro, Adrián Baloira, e non lle falta razón: según datos do IGE, a nosa comunidade multiplica por cinco a media española en dispersión territorial.
O CRA con máis novas matrículas de Galicia
“A educación está en perigo en xeral, non só no medio rural, porque a natalidade baixa e as ratios xa non son as de antes. Nós temos a sorte de que levamos varios anos crecendo, pero tamén hai moitísimo esforzo detrás”, di Baloira desde unha escola que hai só uns anos viviu nas súas propias carnes a tristeza de estar a piques de pechar.
Convertido hoxe no CRA con máis novas matrículas por segundo ano consecutivo entre os 26 que compoñen a Asociación de Mestres de Colexios Rurais Agrupados de Galicia (Amcraga), a súa é unha desas historias de “Quen nolo ía dicir?” que, malia que poden non representar a realidade xeral dun país no que a despoboación rural segue a marcar a pauta, si nos amosan que, ás veces, é posible darlle a volta aos números; que as escolas do medio rural non só mateñen o pulso, non só non se renden, senón que ademais son referentes.
Sen ningún peche nos últimos anos, os 26 CRA galegos suman un total de 2.177 nenos
E aí están as cifras porque, só o ano pasado, o CRA de Valga impartiu formacións presenciais ante máis de 30 centros de toda Galicia que quixeron coñecer o seu colexio in situ; protagonizou intervencións en todos os CFR e foi protagonista no Encontro do CAFI.
“Este curso, temos 86 alumnos de 15 Concellos distintos. Algúns veñen incluso de cidades como Santiago ou grandes vilas coma Vilagarcía ou Padrón. As nosas portas sempre están abertas”, comparte o director do CRA datos que completa agora a Consellería de Educación: sen ningún peche nos últimos anos, os 26 CRA galegos (12 na Coruña, 2 en Ourense, 12 en Pontevedra) suman un total de 2.177 nenos matriculados nunha comunidade na que o investimento por alumno no rural é un 28,6% maior que en zonas urbanas e na quecatro de cada 10 centros están neste medio.
O investimento por alumno no rural galego é un 28,6% maior que en zonas urbanas ecatro de cada 10 centros están neste medio
“Cada neno conta”, resume Baloira orgulloso das “posibilidades” que ofrece o modelo dos CRA. Aínda que a máis repetida é a contorna natural: “Saímos para o monte, as lagoas, a praia fluvial… Temos todo aquí ao lado, a cen metros, sen desprazarnos”; o certo é que hai moito máis.
1.- Clases mixtas e DUA
Saberano as familias con máis dun fillo: os pequenos aprenden dos maiores por imitación, e os maiores adquiren responsabilidades e habilidades relacionadas cos coidados. Escoitando a Baloira, un diría que mesturar idades nunha mesma clase (aulas mixtas) non só é unha practica con vantaxes, senón directamente unha cuestión de lóxica: “Nenos da mesma idade non teñen porque compartir o mesmo desenvolvemento madurativo ou a mesma nivel de aprendizaxe. Nós graduamos os traballos e obxectivos por dificultades e intereses. Temos un ensino baseada no Deseño Universal de Aprendizaxe (DUA)”
2.- Traballo por proxectos
Deste xeito, o centro aposta polo traballo por proxectos: “Nace un tema común entre o CRA e as diferentes escolas empezan a traballalo en función das necesidades do alumnado. Isto permite unha ensinanza máis individualizada e una mellor atención á diversidade”, describe o director para explicar por que desbotan o libro de texto, máis enconsertado, e prefiren ir dotando as programacións doutro tipo de materiais manipulativos e dixitais.
3.- Dixitalización
Pode que por iso, cando lle preguntamos a Baloira se é certo o tópico de que nas escolas rurais hai menos recursos dixitais que nas urbanas, a resposta sáelle espontánea: “Dirás que hai máis!”. Despois concreta: “Depende da dotación do centro e a implicación á hora de anotarse a novos proxectos; nos últimos anos, nós témonos apuntado a moitos e, desde hai dous anos, contamos con recursos que aínda se están a implantar agora de maneira global como as pantallas multitáctiles”.
4. – Comunicación coas familias:“O final é o día a día”
O que parece claro é que unha das chaves do modelo dos CRA é o contacto constante e directo coas familias: “Chegan todos os días á porta da escola e falan cos docentes tanto á entrada: ‘Hoxe pasou mala noite’ como á saída: ‘Hoxe levou un golpiño’, ‘tede coidado con esto’”, describe Baloira:. “En dúas titorías ao curso, comunicas o que che parece máis importante, e ao mellor hai cousas que parecen máis pequenas, pero que son fundamentais e pasan desapercibidas; aquí todas as semanas tes polo menos unha pequena charla con todas as familias e iso o final é o día a día”. A este contacto continuo no CRA, por suposto, súmanse as títorías e as actividades en comunidade coma o famoso FestiValga, que simula Eurovisión e no que participan centros de toda a contorna.
5.- Contacto escola – contorna: “Todo queda na casa”
O ano pasado celebraron unhas xornadas de convivencia con familias e veciños para render homenaxe ás primeiras mestras da escola; hai dúas semanas, unha nai acudiu a aula para amosar os seus aparellos de enfermería aos nenos; o venres pasado houbo excursión á tenda hortícola local antes de ir pescar; e todos os martes pola tarde algún familiar vai ler contos á biblioteca común. O que queremos amosar é que, se hoxe en día non hai proposta ou voz “innovadora” no sector que non insista na importancia de abrir as portas da escola ao mundo real (veciños, empresas, institucións), esta parece ser unha característica intrínseca das escolas rurais desde o primeiro momento.
Así as cousas, hai propostas hoxe “revolucionarias” que levan anos dándose nas escolas rurais de xeito natural ou por necesidade como as aulas mixtas ou o contacto coa contorna; pero tamén parece haber un gran esforzo por parte dos docentes para estar actualizados e ofertar a mellor proposta educativa ás familias: de Montessori a Pinkler, pasando polo DUA ¿O resultado? Exemplos como o do CRA de Valga, que medra en alumnado e protagoniza formacións para moitos outros centros.