De que falan os adolescentes cando falan de educación sexual
¿Pódemonos fiar do que vemos no porno?, ¿seguimos mantendo relacións sexuais na vellez?, ¿considérase relación sexual se nón hai penetración? Ante as preguntas lanzadas ao aire pola psicóloga e sexóloga Vanessa Rodríguez, esta xornalista dubida, non sabe con certeza, trata de acertar coma se fose un exame. Fáltanos moito, a moitos, en educación sexual, pero o certo é que non temos por que ter vergoña: “A sexualidade é un descubrimento continuo. Podemos preguntar abertamente, de xeito honesto… Ao final, trátase de estar pendentes das nosas emocións e das dos que temos enfronte”. É o primeiro que Rodríguez lles di aos adolescentes durante os obradoiros que imparte en colexios e institutos de toda a comunidade como membro da directiva da ASEISA (Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e na Adolescencia). Con ela descubrimos de que falan os adolescentes cando falan de educación sexual e como tratar este tema na aula e na casa.
1. “Vannos soltar o rollo”
O primeiro que debemos saber é que os adolescentes están necesitados de falar; cando se xeran os espazos adecuados, aprovéitannos e aprovéitannos moi ben. Rodríguez insiste en que de nada serven as clases maxistrais — “vannos soltar o rollo”—. O que é preciso, pola contra, é darlles a oportunidade de expresarse, facerlles ver que a súa palabra vale. Deste xeito comezan a sentirse seguros e a soltarse porque non están acostumados a falar de educación sexual de forma honesta, ás veces nin sequera entre eles mesmos.
2. “A educación sexual só son as ETX”
Non en van, durante anos, a educación sexual en España foi inexistente ou estivo relegada á prevención de riscos. “Ao principio dos obradoiros, cando lles preguntamos de que queren falar, é o primeiro tema que sacan, pero non creo que ese sexa o seu interese real; senón que teñen reducida a súa percepción da educación sexual como ETX. A nosa misión é ampliala”, explica a experta.
3. “Ao usar preservativo, síntese menos”
Polo xeral, os adolescentes coñecen ben os métodos dispoñibles así que: máis interesante que darlles unha lista, pode ser axudarlles a cambiar o foco do “risco” á “tranquilidade”. “Hai quen xustifica non usar preservativo porque ‘senten menos’, cando o certo é que a diferencia é ínfima e que o sentir fai referencia ao físico, pero tamén ao emocional; ao durante, pero tamén ao despois; e que, polo tanto, a tranquilidade que nos da o uso de preservativo tamén é moi importante para unha relación sexual sá en todos os sentidos”, exemplifica a experta, que engade: “O medo subxacente é que baixe a erección. Remata cando se lles explica que pór un preservativo pode ser tamén moi excitante”.
4. “Na primeira relación de intimidade nada pode saír mal. Todo ten que ser perfecto”
Unha vez avanza o obradoiro, os mozos e mozas van collendo confianza e comezan a compartir preguntas relacionadas cos medos, habituais nunha época de busca da propia identidade. Neste senso, vai ser chave transmitirlles tranquilidade. “A sexualidade é un descubrimento continuo, haberá cousas que salgan ben e outras mal pero é normal porque depende de coñecernos e coñecer ao outro e iso leva un tempo. Saber que non o teñen que saber todo tranquilízaos moito, sobre todo cando falamos da ‘primeira relación de intimidade”.
5. “A penetración é a gran protagonista”
Relacións de intimidade, que non de penetración, porque ambos seguen a estar erroneamente asociados coma unha realidade indisoluble, pero nada máis lonxe da realidade. Aquí hai aínda moito traballo por diante na deconstrución do seu protagonismo, ao igual que no tocante a ampliar a mirada cara o resto do corpo, a descentralizar os xenitais, e a mirar á pel do resto do corpo.
6. “Hai que sacar o tampón para orinar”
E é que estamos nun momento no que o corpo ten moita transcendencia para os adolescentes, “acoden en masa ao ximnasio, antes non pasaba”, pero ao mesmo tempo non o coñecen, “algo que ten moita importancia na sexualidade”, tal e como comparte Vanessa, que reflexiona: “É sorprendente como pode haber cuestións aínda non superadas. Cando pregunto cantos orificios hai na anatomía sexual feminina, nin as mozas nin os mozos saben que a resposta é tres. Aínda segue a preguntarse se hai que sacarse o tampón para orinar, cando o coñecemento básico do noso corpo, xa nos di que a resposta é non”.
7. “Na vellez, deixaremos de ter relacións sexuais”
Finalmente, é importante tratar as cousas de xeito individual e ser o menos xeneralista posible para non deixar a ninguén fora. Tampouco descartar temas dando por feito que non lles van interesar, levaremos grandes sorpresas. “Algunha vez vin que se separaba ás rapazas para falarlles da menstruación, pero os rapaces teñen moito interese e curiosidade nese tema, ao igual que elas nas polucións nocturnas”, di a psicóloga, que pon outro exemplo ben interesante: “Moitas veces falámoslles da sexualidade na vellez e resulta abraiante como lles motiva. Dan por feito que neste tempo da vida deixa de haber relacións sexuais, e, cando lles dis que non é certo, reciben unha especie de mensaxe de tranquilidade, de continuidade”.
Alén da ficción do porno: fontes fiables
Psicóloga, psicopedagoga, sexóloga e experta en neuroeducación, Vanessa Rodríguez Pousada é membro da directiva de ASEIA Galicia e vicepresidenta de SOGASEX. Ten claro que prohibirlles o porno non serve de nada, pero si explicarlles que non é real e ofrecerlles ferramentas que lles axuden a encontrar respostas fiables por si mesmos. Trucos para discernir a veracidade dos contidos en Internet ou unha lista dos recursos presenciais na súa cidade son só dous exemplos. Neste senso, a experta tamén comparte proxectos como a serie S.E.X, na que ela mesma participou e na que tres adolescentes galegos tratan temas que motivan á mocidade como a diversidade ou as primeiras veces. Pode verse en aberto en Youtube na canle S.E.X._WEBSERIE.