«Se nenos de seis anos non aprenden é porque algo lle falla ao docente»
O presidente da Asociación Profesional de Pedagogos de Galicia (APEGA), José Manuel Suárez Sandomingo, coñece o caso de presunto maltrato denunciado pola nai de dous xemelgos de seis anos no colexio Nuestra Señora del Carmen de Fisterra e opina que nin a mestra demostra capacidade para atender a estes rapaces nin a nai e o centro actúan correctamente collendo aos nenos no medio das súas liortas.
-¿Como valora o acontecido no colexio de Fisterra?
-É moi incómodo todo este proceso no que a partir destes dous rapaces sae a relucir un problema escolar moi importante no que esta mestra non ten as capacidades que ten que ter un mestre para traballar con este tipo de alumnos. Nas gravacións hai un maltrato psicolóxico aos rapaces denunciando que son malos, non aprenden… Cun grupo de 10 rapaces unha profesora non pode dicir que non progresan adecuadamente. Debe ter unha intervención particular con cada un deles para que ese progreso se leve a cabo, máis cando estamos falando de nenos de seis anos que son flexibles e estiman toda a atención que se lles presta por parte dos alumnos. Son esponxas e se non aprenden é porque algo lle falla ao docente. Poden ser malos un ou dous, pero non pode ser malo todo o grupo, máis cando están empezando e o que hai que ensinarlle son nocións básicas.
-¿Deben repetir os rapaces en primeiro curso?
-É moi estraño. As repeticións normalmente prodúcense nos cursos altos da educación primaria ou xa na secundaria. A nivel de nocións básicas é moi difícil que teñan que repetir. Ademais, estáselles a crear un estigma con respecto aos compañeiros porque teñen que estar con rapaces cos que non estiveron o ano anterior, co cal se lle rompe a dinámica de relación co grupo, que nestas idades tamén é bastante importante.
-¿Como se explica que a nai non cambie aos rapaces de centro?
-Ten unha responsabilidade importantísima porque os pais sempre temos que buscar o mellor para os nosos fillos. Aquí non estamos xulgando aos nenos senón aos maiores que teñen que ser responsables deles. Por un lado está unha nai que tivo un altercado co director e polo outro este que toma medidas cos fillos a través dunha mestra que ben se ve que non é a mellor profesora do mundo, cando ten un privilexio para calquera como é un grupo con 10 rapaces. A nai, e xa llo dixen a ela, pode emprender accións contra quen considere, pero non meter aos rapaces polo medio, máis cando non ten que ir a ducias de quilómetros porque hai outro colexio público en Fisterra. Seguramente non lle porían ningún problema para que fosen alí porque se trata dun caso verdadeiramente grave e poderían facerlle unha avaliación para decidir se pasan de curso ou se teñen que repetir. E que agora a vida dos rapaces vai ser moi difícil porque, ademais, xa se formaron dous bloques no pobo. Ela di que non os quere cambiar porque non van ter os mesmos amigos. Iso xa non o van ter de ningunha das maneiras porque os rapaces cos que estarán serán os do curso anterior ao seu. Agora, polo que sei vai levar o asunto á Dirección Xeral de Primaria, a instancia superior da inspección por dicilo así, para ver todo o expediente, pero non se pode estar entorpecendo con esta denuncia o desenvolvemento escolar dos rapaces. Aí hai unha responsabilidade por parte da nai.
-¿A inspección educativa ten a mesma competencia nun centro concertado que nos públicos?
-Exactamente a mesma. O que acontece sempre nun caso de maltrato como este é que o centro trata de parar o golpe para que se quede no ámbito interno e non chegue á inspección, aos servizos sociais e demais. Cando xa sae nos medios alcanza a todo o mundo e neste caso hai dúas posicións, con argumentos por un e por outro lado, co cal o centro síntese desprotexido entre comiñas. Ademais, estamos falando dunha persoa que non é funcionaria, está contratada e o seu contrato está nas mans do director. Despois a xente é moi corporativista. Pasa a todos os niveis, pero a educación é un medio moi sensible. Os problemas ao non atallalos a tempo van subindo de categoría e cada vez é máis difícil darlles unha solución xa, porque a xente rexeita tomar decisións. Se fósemos máis asertivos as cousas non seguirían medrando desproporcionadamente.
Fuente: La Voz de Galicia