Boletín RIES nº 2
RIES – Rede de Inmigración, Escola e Sociedade – Boletín Nº2 – Decembro 2012.
A crise económica bate con especial dureza a un dos colectivos sociais máis febles, os inmigrantes. Nun momento no que din que toca apertarse o cinto (uns máis ca outros), cunha sanidade pública que adoece de déficits crónicos e unha débeda de máis de 12.000 millóns de euros, resucita para algúns como unha posible receita aplicar diferentes fórmulas de copago (Cataluña, Madrid, Asturias) ou mesmo recortes drásticos. Así, o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade fixo efectiva en setembro a retirada da tarxeta sanitaria aos inmigrantes irregulares (sen papeis), unha medida que, segundo as previsións oficiais, afecta a 153.000 persoas e suporá un aforro de 500 millóns de euros.
En España vivían a comezos de ano 5,7 millóns de estranxeiros, un 12% da poboación. Se se inclúen no cálculo os residentes nacionalizados, a cifra elévase a 6,7 millóns, un 14%. Aínda coa excepcional rapidez e intensidade do fenómeno, ata agora o fluxo migratorio non supuxo fonte de conflitos sociais ou episodios xenófobos de especial gravidade.
Pero a crise e os recortes económicos están minando os principais piares da integración dos estranxeiros: emprego e prestacións sociais. Un recente informe de Cáritas advirte que, do millón de persoas atendidas pola organización en 2011, máis da metade foron inmigrantes. Datos do Instituto Nacional de Estadística (INE) destacan outro contundente reflexo desta situación: a saída de estranxeiros do país experimentou un gran pulo no que vai de ano (120.000 persoas).
O traballo, gran factor de integración, tamén se esvae: a taxa de paro entre inmigrantes elévase á estratosférica cota do 35% (fronte ao 25% dos nativos). “E o problema non é só que haxa un desemprego tan elevado, ou que a cobertura do paro se estea esgotando para moitos. O problema é que, incluso cando a economía se recupere, previsiblemente non o fará nos sectores nos que son empregables boa parte dos inmigrantes en España”, segundo Philippe Fargues, director do Migration Policy Center do Instituto Universitario Europeo.
Este colapso dos recursos dispoñibles está causando unha redución das prestacións e servizos sociais, precisamente nun momento de gran crecemento da demanda. Datos do Ministerio de Sanidade e Servizos Sociais indican que en 2010 foron atendidas en España máis de oito millóns de persoas, un 19,5% máis que en 2009. A suma dos dous factores “paro e recortes” empurra á marxinalidade a moitos inmigrantes, que contan con menor colchón de aforro e rede familiar ca os nativos.
Aínda que a crise pon freo aos fluxos migratorios, non os detén. Os números vermellos da economía dos países que viron medrar nos últimos anos a porcentaxe de estranxeiros entre a súa poboación non poden levantar de novo as barreiras destruídas pola globalización, que se mostra irreversible. De feito, os informes sobre fluxo de inmigrantes tan só constatan un retardo nos dous últimos anos.