Centro de menores de Soutomaior, despedida e peche
Hoxe pechou un centro de traballo da rede de Servizos Sociais da Xunta en Ferrol, o Centro de Menores Soutomaior. Mellor dito, desaloxouse para que poida ser ocupado por outros menores e por outros traballadores, neste caso dunha empresa privada que seguro que non terán que demostrar baixo un sistema de selección axustado aos principios de igualdade, mérito e capacidade que son os máis axeitados para levar adiante as tarefas necesarias para que este recurso social vaia adiante e os seus usuarios teñan a mellor atención como ata agora o fixo desde os anos corenta e para bastante máis de mil menores en situación de desamparo.
Aínda que o persoal xa non sexa público, o diñeiro que manterá este centro si que vai seguir a selo: paga a Xunta, gastan as empresas privadas. E algo gañarán porque tampouco está para iso o sector privado, que sen arrincar un bocado non van levantar o país. Este é o seu momento, a rendibilidade dos dereitos sociais agora mídese exclusivamente en termos economicistas. É o que teñen as crises, que xeran oportunidades e esta é a súa. É máis, se non hai crise hai que xerala… que coa culpa xa cargará o persoal funcionario.
Tampouco van ter que amortizar a inversión nunha infraestrutura nun estado excepcional, na que se gastaron 600.000€ de diñeiro público hai poucos anos para facer unha rehabilitación integral. Un gran negocio o pagar por levantar a túa casa e tela en perfectas condicións de uso e servizo e despois pagar para que outros se instalen nela, a habiten e fagan o teu traballo. Haberá que estar atentos ao DOG para “abraiarnos”coa adxudicación a unha empresa privada en ben da sociedade por unha “módica” cifra que iso si, cambiará de capítulo e xa non irá a cargo dos gastos de persoal. Se se gasta máis en outro capítulo dos orzamentos da comunidade polo mesmo servizo non terá importancia, ou se se gasta menos a costa de rebaixar o servizo á altura dos tempos do hospicio, porque contra iso a sociedade non está sensibilizada polos medios de comunicación do réxime. Todo o contrario, se se gasta noutro capítulo xa non compre pasar un proceso selectivo xusto e igualitario para acceder alí a un posto de traballo, bastará con coñecer a alguén e render pleitesía e submisión, porque este sistema actual de acceso á Función Pública e os dereitos inherentes ao posto e ao sector son unha grave molestia para todos aqueles que se consideran inseguros e incapaces de alcanzar un posto público polos seus propios medios, sen caciques valedores, e tamén para o “empresario” público que non pode exercer ás súas anchas o seu poder caciquil. Todo isto é o que o amigo-empresario privado está disposto a resolver para tranquilidade do xestor dos intereses de todos e todas: o empresario-político de turno, ese que é elixido democraticamente neste sistema de democracia absolutista que padecemos, que nos fixo entender e aceptamos resignadamente como o elixido para ser o ditador durante os próximos catro anos.
Con cada recurso público que cae queda un pouco menos de democracia neste país, porque nos servizos públicos que son prestados polos traballadores e traballadoras públicas, mal que lle pese a algúns, reside a prestación final que materializa os dereitos democráticos da sociedade. Seguramente xa será tarde para recuperalos cando a sociedade se decate, así que nada, que esas parte da sociedade desafectada siga a botar leña ao lume, que o que se queiman son os dereitos de todos e o que se quenta nese lume é o empresario que está esperando a xestionalos para que pasemos por caixa, se temos cartos para ter dereitos.
Grazas a todas e todos os que estiveron hoxe alí e aos que sentíndose solidarios non puideron estar. Todas e todos mostramos que outro xeito de entender o mundo está presente e ese é o xermolo para que algún día a nosa voz se escoite.