Ponse en marcha a Rede RIES
RIES – Rede de Inmigración, Escola e Sociedade – Boletín Nº0 – Xaneiro 2012.
O catedrático Santos Rego coordina seis grupos de investigación das Universidades de Santiago de Compostela e Vigo.
Seis Grupos de Investigación das Universidades de Santiago de Compostela e Vigo con varios Premios Nacionais de Investigación ás súas costas, veñen de crear en novembro de 2011 a Rede de Investigación RIES (Rede de Inmigración, Educación e Sociedade)
, coordinada por Miguel Ángel Santos Rego, Catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, e integrada por homes e mulleres cunha ampla traxectoria académica e experiencia investigadora. Nela están presentes tamén xoves investigadores que están a realizar as súas teses doutorais ou que están asociados a contratos de investigación.
Algúns destes grupos traballan desde diferentes ópticas temas vencellados á emigración e á inmigración, como a integración desde o ámbito familiar, escolar e social, formación integral laboral, procesos de adquisición de segundas linguas ou avaliación de programas.
Entre os obxectivos da Rede destacan o deseño de vías de intervención e desenvolvemento educativo para mellorar a inclusión social das persoas procedentes da inmigración, xunto á avaliación da calidade de plans, proxectos, programas e servizos vinculados á inserción social da poboación inmigrante. Finalmente, será obxecto da súa atención principal a evolución dos actuais fluxos migratorios e a súa radiografía educativa no contexto da grande crise económica que estamos a experimentar.