Estatística de protección de menores 2010
A Consellería de Traballo e Benestar, de acordo co artigo 1 do Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a súa estrutura orgánica e a Orde de 24 de outubro de 2011 polo que se establece a adscrición provisional e atribución de competencias nos órganos desta consellería (DOG nº 205 do 26.10.11), asume, entre outras, as competencias en materia de servizos sociais, incluídas as áreas de familia, menores e benestar social. En concreto, a través da Secretaría Xeral de Política Social, leva a cabo a xestión, coordinación e control dos programas, servizos e centros dedicados aos menores en situación de risco ou desamparo.
O órgano responsable da xestión destas materias é a Subdirección Xeral de Familia e Menores, así como as xefaturas territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.
Unha síntese cuantitativa anual da progresión e resultados no desenvolvemento destas competencias é a estatística de protección de menores, que recolle os datos principais referidos aos expedientes de menores que están baixo a acción protectora da Xunta de Galicia que poden resultar de interese. Os datos refírense a tutelas, gardas, acollemento familiar e residencial, adopción nacional e internacional, menores estranxeiros non acompañados e varios programas destacados de atención a familias e a menores en situación de risco ou desamparo.
Esta edición responde á estrutura e contido descritos na operación estatística 25201 do Instituto Galego de Estatística. O seu proxecto técnico, elaborado pola Subdirección Xeral de Familia e Menores en colaboración co devandito Instituto, analiza polo miúdo e logo dunha introdución e da relación normativa que lle atinxe, as unidades estatísticas, as variables utilizadas, o procesamento de datos e o deseño da explotación dos datos do rexistro.
Por este motivo, a edición da estatística deste ano, cos datos correspondentes a 2010, introduce cambios na estrutura do conxunto de edicións anteriores, coa intención de mantelos en diante, por considerar que, sen reducir información respecto de anos anteriores, se presenta de maneira mais concentrada e accesible. Ademais, nalgunhas áreas de intervención, a introdución da variable <xénero> achega información básica acerca da evolución dos programas e recursos.