Mónica Rodríguez, profesora de Formación e Orientación Laboral: «O alumnado de FP sae ao mercado coa formación máis ampla, flexible e versátil posible»
A FP ten moi en conta a preparación dos alumnos para ter éxito no mercado laboral. Nesa misión ten un papel importante o profesorado de FOL, o módulo de Formación e Orientación Laboral que se inclúe en todos os ciclos. Mónica Rodríguez imparte esta materia no IES Politécnico de Vigo, onde tamén dirixe a aula de emprendemento. Como membro da executiva de Anprofol (Asociación Nacional de Profesorado de FOL), analiza algunhas das claves da empregabilidade da FP.
—En que consiste o módulo FOL
—Impártese no primeiro curso de todos os ciclos formativos da FP. É transversal, une a parte da técnica co mundo do traballo. Nese módulo vemos o punto de vista do traballador por conta allea que precisa saber de riscos laborais, de dereito laboral, de convenios, de dereitos e obrigas… Pero tamén ten unha parte de orientación profesional, tanto a nivel de itinerario e traxectoria a levar a cabo ó longo da vida laboral, como a nivel de busca de emprego, para que esta chegue ser exitosa. Iso compleméntase no segundo curso co módulo de empresa e iniciativa emprendedora, que abordaría a parte do emprendemento, tanto dentro da empresa como por conta propia.
—Orientar a formación da FP ao emprego é algo básico?
—Si, porque xa o di o seu propio nome, é Formación Profesional, eles saen ao mundo da súa profesión, ao mundo laboral, e teñen que estar formados non só na parte técnica, a propia do ciclo que estuden, sexa mecanizado, electricidade ou perruquería, senón tamén noutras habilidades que require o traballador do século XXI. E esas habilidades danse nestes módulos. Son cuestións que van máis alá dos contidos curriculares de cada ciclo. Abórdanse tamén habilidades brandas como o traballo en equipo, o espírito crítico, a capacidade de tomar decisións, etcétera… que tamén se traballan no módulo de FOL.
—Cales son esas habilidades que require o traballador do século XXI? Que lle están pedindo as empresas a eses alumnos que saen da FP?
—Valórase moito a flexibilidade e a capacidade de adaptación. Vivimos nun momento no que estamos en continuo cambio, e ter unha capacidade de adaptación a ese cambio é importantísimo, é básico. Tamén se piden uns mínimos de dixitalización, por suposto. E logo hai capacidades que xa levan anos estando nas top ten dos traballadores do século XXI, como poden ser a resiliencia, a capacidade de enfrontarse aos problemas de xeito positivo, a asertividade, a empatía…
—Cando falamos de FP pensamos en boa inserción laboral, mellor que con outros estudos…
—Si, ten moita saída profesional e unha inserción laboral moi alta, que ás veces roza o cen por cen, porque é unha formación que se está cada vez máis axustando ao que require o mercado laboral. Ese axuste fai que sexa como como un anel ao dedo. A formación que se lle dá ao estudantado vai preparada para ese traballo posterior. Así que se un alumno ou alumna fai un ciclo que lle gusta, e o fai con éxito, encaixa normalmente case que ao cen por cen no mercado laboral. Cando pode non haber ese encaixe? Cando ao alumnado non lle convence a saída ou non lle gusta logo aquilo no que pode traballar con ese ciclo.
—Cal é o segredo desa boa empregabilidade da FP ?
—É difícil que exista unha fórmula máxica, pero é unha combinación de factores. Por unha banda, que a formación cada vez está máis relacionada coa realidade do mercado. Por outra, está o encaixe cada día maior coas empresas, grazas á formación dual e á relación que temos cada vez máis intensa entre centros e empresas, pola que sabemos cada vez máis qué demanda o sector produtivo. Pero ademais, por parte do profesorado da FP estase facendo moitísimo esforzo: hai moitísima actualización en formación, en novas tecnoloxías, en ferramentas…. Por exemplo, se está traballando xa hoxe en FP con realidade aumentada, con realidade virtual, con sistemas de robótica punteiros… Iso é grazas ao esforzo por parte do profesorado, que participa en moitos proxectos tanto a nivel nacional como a nivel europeo cos programas Erasmus.
É dicir, que cada vez se procura que o alumnado saia mellor formado, e para conseguilo os profesores procuramos non parar de formarnos nós mesmos. E iso tamén llos transmitimos aos alumnos, que o aceptan moi ben. Asumen que teñen que aprender sempre, que a aprendizaxe ten que ser constante ao longo da vida, porque a realidade cambia. Estamos en contornas de constante cambio, entón hai que formarse sempre.
Con todo iso imos facendo unha sorte de encaixe de bolillos para adaptar a formación, sempre coa intención de que o alumnado aprenda o máximo e saia formado da forma máis ampla, flexible e versátil a un mercado que non temos exactamente claro o que lle vai pedir de aquí a cinco anos.
A FP, unha fonte de formación continua e permanente
—A FP dá moitas oportunidades de formación permanente, como os cursos de especialización.
—Si, eses cursos serían como unha sorte de másteres da FP. Pero sobre todo temos algo tremendamente interesante, que é a formación modular. A Formación Profesional de adultos permite unha formación na que non fai falta matricularse do curso enteiro, senón que podes estar traballando e escoller matricularte dun módulo, de dous… Iso permíteche estar ao día das novidades que hai nesa materia concreta. Imaxina por exemplo que en robótica estás un pouco peor ou che apetece mellorar ese aspecto no teu traballo. Pois podes matricularte do módulo robotización en pequena empresa. E ademais hai moita flexibilidade porque os horarios rotan ano a ano.
—¿É importante entender e aproveitar o perfil do estudante?
—Por suposto. É interesante partir do perfil do alumno para tomar decisións sobre o seu itinerario formativo. Hai estudantes nos que moi cedo se ve que teñen un perfil moi profesional, que lles gusta moito a informática, ou a mecánica, ou outra profesión. Pois podemos xa tirar por ese gusto e seguir o camiño da FP. Se a ese estudante se lle ve xa un perfil moi técnico, para que imos levalo por unha rama máis académica? Pode, por exemplo, facer un ciclo de grao medio, e logo facer un de grao superior, e despois mesmo unha formación universitaria…
A universidade e a Formación Profesional son complementarias, non son excluíntes. De feito, vexo cada vez máis situacións de alumnado que vai á universidade e a acaba, ou non a acaba, e vén facer FP, e logo ata volve retomar a universidade. É dicir, son camiños de ida e volta. A FP é algo moi flexible, o que se busca é que a persoa teña unha formación que lle permita ser a mellor versión de si mesmo no seu traballo no futuro.