Boletín RIES número 10: Xullo 2016
Doce anos despois volvemos ao MUPEGA para presentar un novo Informe sobre a Investigación Educativa en Galicia 2002-2014; no 2004 fixémolo sobre a etapa 1989-2001. A pretensión primeira e última deste volume é dar conta, informativamente falando, da investigación educativa desenvolvida en Galicia na ducia de anos que abarca o seu percorrido. Non se trata, sensu stricto, dunha avaliación da investigación educativa, planificada e regrada segundo parámetros comparativos ou criterialmente asociados a niveis de produtividade afastados de contextos e circunstancias. Pero si que se trata de mostrar datos, referencias e focos de interese investigador que, alén das lexítimas valoracións sobre o que se presenta, favorezan a reflexión ao redor das consistencias identificables, pero tamén ao redor dos defectos que poidan precisar alento ou meditado remedio.
En Galicia faise investigación educativa e hai innovación, ás veces menos visible, e fai falta destacalas e poñelas en valor aquí e fóra de aquí. Esquecemos a miúdo que un indicador de calidade, presente nos estudos sobre a materia, e atrévome a dicir que nos tan deostados como esculcados ránking entre sistemas educativos, ten que ver coa mobilidade de estudantes e profesores, a existencia de carreira profesional, e mesmo o apoio a iniciativas e experiencias de innovación educativa, mesturando eixos de acción tanto na escola como na comunidade, a través do uso da tecnoloxía, ou mobilizando recursos culturais nunha perspectiva de aprendizaxe e desenvolvemento local pero tamén global.