O libro Menores en crisis presenta propostas de intervención e medidas reeducativas para este colectivo
O libro Menores en crisis, propón da man de expertos e profesionais unha serie de propostas de intervención e medidas reeducativas para este colectivo. O libro presentouno este martes 28 o reitor Juan Casares nun acto no que tamén participou o valedor do Pobo, José Julio Fernández Rodríguez; a coautora do volume, Mª Dolores Fernández Tilve; e o director do Servizo de Publicación, Juan Blanco. Ademais tamén estivo presente o outro coautor da obra, José Manuel Suárez Sandomingo.
O libro aposta por reunir a un conxunto de “cualificados profesionais de recoñecido prestixio, animados pola vocación de contribuír ao apaixonante reto da inclusión socioeducativa”.
Son un total de 16 capítulos e un prólogo do catedrático de Didáctica e Organización Escolar, Miguel Zabalza, que prestan atención a cuestións como os plans de convivencia nos centros escolares, a intervención en situacións de maltrato infantil, a integración de inmigrantes novos/as en España ou a intervención en familias que experimentan separación ou divorcio, entre outros asuntos.
Nas páxinas do volume tamén se reflexiona sobre o acollemento familiar, a valoración dos/as solicitantes de adopción nacional e internacional en España, a avaliación do risco e implicación para o tratamento do/a menor infractor/a, a intervención educativa con menores privados/as de liberdade ou os riscos emerxentes nas relacións entre nenos/as, con especial atención ao acoso, ciberacoso, bullying, ciberbullying ou grooming.
Novos ámbitos e situacións sociais deron lugar a novas formas de intervención que deben orientarse, á súa vez, a normalizar a situación dos/as menores, explicou na presentación Fernández Tilve, quen tamén subliñou o importante número de menores que en Galicia se atopan en situación de crise (acollemento, en centros de día ou en programas de terapia, menores estranxeiros sen acompañamento ou menores baixo expedientes de protección, entre outros casos).
Trátase dun conxunto de persoas que precisan de atención específica a través da que garantirlle cotas mínimas calidade de vida. O libro, segundo a súa coautora, axuda nesta dirección e contribúe á inclusión socioeducativa, máis alá da conxuntura económica actual, proporcionando ferramentas conceptuais e procedimentais a profesionais a profesionais que traballan con persoas en perigo real de risco e exclusión social.
Como explica no prólogo o profesor Zabalza, o dos/as menores é un mundo polifacético, “son tantos os factores que o afectan, tantas as formas que adquire, tantas e tan diversas as miradas que sobre el se proxectan que sempre se corre o risco de resultar parcial ao escribir sobre o tema”. Na súa opinión, a cuestión dos/as menores merece unha consideración complexa que vai máis alá da culpabilización, a tipificación e a segregación dos suxeitos. Como se expón no libro presentado, a temática pedagóxica e social vinculada aos menores ten que abordarse dende formulacións pluridisciplinares e integradas, de xeito que “permitan facer unha idea de conxunto dos fenómenos implicados así como planificar e desenvolver estratexias de intervención multifocais”, sinala Miguel Zabalza.
El Valedor ve el mal uso de las nuevas tecnologías y el alcohol como principales problemas de los menores gallegos: http://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2013/05/28/valedor-ve-mal-uso-nuevas-tecnologias-alcohol-principales-problemas-menores-gallegos/00031369736688232158300.htm
Entrevista ao pedagogo Xosé Manuel Suárez sobre os problemas da infancia: http://www.crtvg.es/informativos/entrevista-ao-pedagogo-xose-manuel-suarez-sobre-os-problemas-da-infancia-595557
Noticia no xornal da USC: http://xornal.usc.es/xornal/acontece/2013_05/noticia_0150.html