Hai familias cunha disfunción que non cren ter un problema
Coordinou con María Dolores Fernández un libro sobre como tratar aos menores cunha situación de crise.
Un total de 16 especialistas de toda España colaboraron no libro Menores en crisis: Propuestas de intervención y medidas reeducativas que, coordinado pola profesora da USC María Dolores Fernández Tilve e polo presidente da Asociación de Pedagogos e Psicopedagogos de Galicia, José Manuel Suárez Sandomingo, aborda o traballo con menores que están a pasar por unha situación de crise.
-¿Que aporta este volume?
-Unha perspectiva nova no traballo con menores. Ata agora falábase de desamparo, conflito social… Agora emprégase o termo crise porque pasan por momentos críticos como o acoso escolar ou a desestruturación familiar. Este asunto nunca se abordara antes dende a perspectiva do menor e ademais hai menores que non se poden encaixar nos servizos sociais porque o seu problema non é competencia dos servizos sociais, teñen que acudir a servizos especiais.
-É un volume para profesionais.
-Si, pero abrangue a moitos profesionais, como psicólogos, pedagogos, avogados, traballadores sociais, xulgados de familia… Componse dunha parte onde se enuncia o tema crítico e outra na que se aborda a intervención profesional.
-Di que hai casos que non deben tratarse nos servizos sociais. ¿Que alternativas hai?
-No ano 1996 a Xunta creou un programa de orientación familiar no que por exemplo, no caso da ruptura familiar, asesoran sobre a custodia compartida ou para non usar os fillos como arma. Ademais, hai un avogado e un traballador social. Tamén naceron iniciativas na esfera privada, que agora traballa con esa perspectiva de atención familiar integral.
-E cifran en 8.000 os menores en Galicia en situación de crise.
-Poderiamos dicir que son máis, porque 8.000 son os que teñen expediente aberto e a parte invisible destas situacións adoita ser moito maior que a visible.
-¿Por que non piden axuda?
-Hai familias que teñen unha situación disfuncional pero non consideran que teñen un problema, non o valoran como tal.
José Manuel Suárez pedagogo e educador social.