CAPÍTULO I: DA ASOCIACIÓN EN XERAL
Artigo 1º.- Constitúese en Santiago unha Asociación sen ánimo de lucro que se denominará “ASOCIACIÓN PROFESIONAL DE PEDAGOGOS/AS E PSICOPEDAGOGOS/AS DE GALICIA.”. “APEGA” A Asociación rexerase polos presentes Estatutos, pola lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociacións e polas demais lexislacións existentes en materia de Asociacións que lle sexan aplicables.
Artigo 2º.- Son fins principais da Asociación:
a. Impulsar a creación dos instrumentos necesarios que faciliten o ordenamento do exercicio da Pedagoxía e da Psicopedagoxía
b. Potenciar o recoñecemento social da labor dos pedagogos/as e psicopedagogos/as
c. Elaborar, organizar e divulgar actividades dirixidas á formación e perfeccionamento dos pedagogos/as e psicopedagogos/as a través de xornadas, cursos, intercambios de experiencias, investigacións científica,etc.
d. Crear un código deontolóxico da profesión dos pedagogos/as e psicopedagogos/as
Artigo 3º.- Para levar a cabo os seus fins, poderá a Asociación organiza-las seguintes actividades:
a. Creación de comisións de investigación científica para o estudio das temáticas do ámbito da Pedagoxía e da Psicopedagoxía
b. Elaboración dun código deontolóxico
c. Recopilación e actualización de materiais pedagóxicos
d. Divulgación de experiencias a través de seminarios, congresos, publicacións, etc.
Como Asociación sen ánimo de lucro destinarase ós devanditos fins polo menos o setenta por cento das rendas netas e outros ingresos que se obteñan por calquera concepto exceptuándose as aportacións efectuadas en concepto de dotación patrimonial. Os asociados e familiares non serán os principais destinatarios das actividades realizadas pola Asociación.
Artigo 4º.- O domicilio principal e permanente da Asociación radicará na localidade de Santiago de Compostela rúa de Varsovia nº 20-3ºB C.P. 15703 teléfono 981.57.68.23.
Poderánse utilizar outros locais asociativos adicionais noutras cidades, mediante acordo da Xunta Directiva, que terá atribucións para cambiar, tanto o domicilio como os locais, dando conta do seu acordo ó Organismo encargado do Rexistro de Asociacións. Para os efectos de comunicacións e notificacións sinálanse como preferentes as seguintes direccións:
Domicilio rúa de Varsovia nº 20-3ºB C.P. 15703 teléfono 981.57.68.23.
Teléfono 2: 629834933
Artigo 5º.- A Asociación en funcións dos seus fins e da ubicación do seu domicilio social, exercerá fundamentalmente as súas actividades no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 6º.-
1. A duración desta Asociación é de carácter indefinido e só se disolverá, conforme a estes Estatutos, pola vontade dos asociados expresada en Asamblea Xeral extraordinaria ou polas causas previstas na lexislación vixente.
2. A Asociación rexerase segundo os principios democráticos contidos no marco da Constitución e o resto do ordenamento xurídico.