Educar na casa
Non imos falar hoxe da educación familiar nin de programas como Preescolar na Casa senón daqueles pais que queren substituír a educación escolar.A lexislación española considera absentista a todo aquel que non acode a formarse á escola durante a etapa da educación obrigatoria. No entanto, algúns pais, parece que uns 2.000 en España, segundo a Asociación Libre de Educación, non envían á escola os seus fillos porque lles poñen clase na casa. Este feito non supón en si mesmo un delito, por canto que non está tipificado como tal no Código Penal. De tódolos xeitos, a lexislación educativa sinala que só poderán recibir clases fóra das aulas aqueles nenos ou mozos que estean doentes, teñan unha vida itinerante (nenos de empregados dos circos, por exemplo) ou estean residindo no estranxeiro.
Pero, a cuestión é: por que estes pais optan por esta alternativa? Eles din que así fan que os seus fillos se desenvolvan mellor, xa que están constamente atendidos, sen teren que axustarse a horarios, e poden centrar nos seus intereses e nos coñecementos que lles importan. Pode ser.
De todas as formas, hai moitas outras consideracións que tanto os pais como os fillos deberían ter en conta. Por citarmos algunhas, parece que hai un fondo sobreproteccionista, pois cren que eles poderanos apartar dos riscos que correrían na escola, ademais, de considerarse a si mesmos como máis capacitados para ensinar cós propios profesores. Pola súa banda, os nenos están a perder moitas das reflexións que só se poden facer nos espazos escolares e que os forman como persoas socializadas nunha cultura de referencia e abertos ás posturas dos demais e ás posibilidades que os contornos lles transmiten.
Así as cousas, e aínda que en países como Francia, Italia, Irlanda ou Estados Unidos, lles dan aos pais a opción de elixir entre os ensinos da escola e aqueles que eles mesmos dispoñan, pedagoxicamente, esta formación parécenos pouco acertada. Máxime cando, hoxe por hoxe, as sociedades occidentais lles ofertan múltiples solucións escolares entre as que elixir as ensinanzas que queren para os seus fillos. E se como me dicía un pai: "Os pais educamos os nosos fillos para que saian ao mundo e se adapten a calquera situación", calquera situación que lles poida restrinxir as súa capacidade de ter experiencias parece ilóxica e, polo tanto, mala para eles.