Caderno didáctico: Elixir o futuro sen prexuízos
A guía Elixir o futuro sen prexuízos é unha proposta educativa de orientación profesional concibida como secuencia de actividades exploratorias, baseada na toma de decisións e na perspectiva de xénero, que ten como obxecto proporcionar un coñecemento e un adestramento básico para a análise do ámbito persoal, escolar e familiar co fin de promover a elección de opcións profesionais futuras sen discriminacións de xénero como medio para favorecer o acceso á formación e ao emprego en igualdade.
A concepción didáctica e metodolóxica da guía está centrada, como espazo preferente, na titoría co alumnado do segundo ciclo da educación secundaria obrigatoria (ESO) e asemade na acción formativa directa coas familias a través de obradoiros de sensibilización para unha educación non sexista.
A guía comprende dous volumes: o caderno didáctico e o caderno de actividades. Estes dous elementos están absolutamente interrelacionados de forma que para a aplicación da guía é precisa a utilización conxunta de ambos os dous.
O Caderno didáctico está dirixido ás titoras e aos titores de educación secundaria obrigatoria e ás monitoras e aos monitores (para os obradoiros de nais/pais) e integra dous apartados. En primeiro lugar, un soporte teórico como referente formativo sobre os conceptos básicos relativos á orientación profesional, ao proceso de toma de decisións, ao papel do xénero na elección profesional e á titoría. En segundo lugar, detállase a fundamentación teórica da guía, as pautas metodolóxicas xerais para a súa aplicación (persoas destinatarias, obxectivos, contidos, metodoloxía, recursos e avaliación) e as suxestións didácticas para a adecuada utilización de cada actividade (obxectivos, desenvolvemento da actividade e temporalidade).
O Caderno de actividades está deseñado para ser usado polo alumnado do segundo ciclo da ESO e polas nais e pais naquelas actividades dirixidas especificamente a este colectivo. Adopta o formato de fichas de traballo onde se recollen espazos para a investigación, a análise e a reflexión individual e grupal.