O Labor Social de Juan Fernández Latorre e Avelino Montero Ríos y Villegas a favor da Infancia
José Manuel Suárez Sandomingo
Dirección Xeral de Familia
Os últimos anos do século XIX e os primeiros que inauguraron a nova centuria estiveron presididos por fortes enfrontamentos entre os distintos movementos sociais existentes nesa época en España. A perda das últimas posesións coloniais, a falta de compromiso do poder político cos problemas que afectaban os cidadáns, o apoio dos gobernantes a un modelo social superado, etc., fixeron que a sociedade entrase nunha serie de crises de diferente magnitude. Pero aínda neses momentos críticos promovéronse novas expectativas que farían progresa-la sociedade. Esas novas ideas procedían de homes que estaban en sintonía cunha realidade coa que se sentían comprometidos.